CONVOCATORIA CENTROS RESIDENCIAS DOCENTES
2017/18
A Consellería de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no Diario Oficial
de Galicia a orde pola que
se convocan prazas de residencia nos centros
residenciais da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos
postobrigatorios non universitarios no curso 2017/18. O obxectivo desta
convocatoria é
facilitar o acceso ao ensino superior ao alumnado que se
escolariza en localidades distintas ao seu domicilio habitual, motivado
polo feito de que os estudos que realiza non se impartan en ningún
centro sostido con fondos públicos da súa localidade de residencia nin
noutra próxima que lle permita o desprazamento diario con facilidade.
Cómpre sinalar que un 94% dos usuarios teñen este servizo gratuíto, de
acordo cos umbrais de renda da convocatoria 2016/17.
As vacantes ofertadas facilitaranse en cada web e/ou taboleiro de
anuncios dos CDR aos tres días de publicarse no DOG a convocatoria. O
alumnado solicitante que obteña praza terá dereito de reserva ata que
complete os estudos dun nivel formativo concreto que dea lugar á
obtención dun título académico, sempre que non repita curso e non
variasen as circunstancias que se tiveron en conta para a adxudicación
inicial.
Os residentes que rematen un nivel educativo concreto ou ciclo
formativo, obtendo ou reunindo as condicións necesarias para acadar o
título académico correspondente, non terán reserva de praza, polo que,
para poder continuar os estudos deberán presentar unha nova solicitude.
Prazos de presentación e criterios de valoración
A presentación de solicitudes para o alumnado de Bacharelato será
dende o día seguinte ao da publicación desta convocatoria ata o 15 de
xullo; mentres que para os matriculados en ciclos formativos o límite
será ata o 8 de agosto. As listaxes definitivas ca relación de persoas
admitidas, excluídas e adxudicatarias faranse de forma conxunta tanto a
través da páxina web da consellería coma no taboleiro ou páxina web do
respectivo centro residencial antes do 15 de setembro.
Para os centros nos que quedaran prazas vacantes, abrirase un prazo
extraordinario de solicitudes entre o 15 e o 30 de setembro; e as listas
definitivas publicaranse o 17 de outubro.
En canto aos criterios de valoración, sinalar que teranse en conta os
datos socioeconómicos, como a composición da unidade familiar, renda,
discapacidade ou desemprego; e o rendemento académico.
Os detalles da orde poden consultarse no enlace web
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170609/AnuncioG0164-300517-0003_gl.html